Espero que sirva de axuda este blog a quen, coma min, gusta de pasear por camiños, sendas e corredoiras.

domingo, 12 de diciembre de 2010

Ordesa pola Senda dos Cazadores e Faja de Pelay

O día 30/07/2008 tivemos o noso primeiro contacto cos Pirineos, a zona escollida foi o Val de Ordesa (No Parque Nacional dese mesmo nome). Este val glaciar e sen dúbida unha das paisaxes mais espectaculares que se poden observar en toda España.


Na actualidade o Río Arazas percorre o Val, pero non foi este o responsable da súa formación, senón as enormes linguas de xeo que cubriron toda a zona durante a derradeira Idade de Xeo (haberá uns 10000 anos). Este xeo escavou un profundo val en forma de U, o cal queda patente en toda o seu esplendor na actualidade coas impresionantes paredes case verticais de mais de 800 m de altura que limitan por ambos lados o Val de Ordesa.

Ordesa foi un dos primeiros Parques Nacionais declarados en España en 1918, soamente a Montaña de Covadonga (actualmente P.N de Picos de Europa) se declarou uns meses antes. Inicialmente a superficie protexida incluía unicamente o Val de Ordesa pero no ano 1982 se amplía para incluír tamén o macizo de Monte Perdido e os Vals de Añisclo, Escuaín e o Circo de Pineta.

Neste primeiro contacto co parque faremos unha das rutas mais clásicas no parque natural, percorrendo o Val de Ordesa ata o seu fondo na fermosa Cascada Cola de Caballo.



Chegamos a zona o día anterior, durmindo nun pequeno hotel (Hotel Las Nieves) na localidade de Linas de Broto. O aloxamento non estaba mal pero francamente eu non o recomendo xa que o trato recibido deixa moito que desexar.

O día seguinte, ben cedo e tras un bo almorzo, nos desprazamos ata Torla. Bonito pobo de montaña, aínda que quizais demasiado turístico e masificado. Desde Torla saen os autobuses con destino á Pradera de Ordesa, lugar dende o que iniciaremos a ruta. A maior parte do ano se pode acceder en vehículo particular ata á Pradera de Ordesa, pero nos meses de verán dada a afluencia de xente soamente está permitido o acceso en autobús (costa uns 5 € o viaxe de ida e volta) ou ben andando  (aproximadamente 2:30 h por unha interesante e bonita ruta).

Baixamos do autobús aproximadamente as 10 da mañá, día soleado aínda que certas nubes tapaban por veces o sol, o cal se agradece en plena camiñata no mes de Xullo. Mochilas o lombo e comezamos a camiñar.

Pradera de Ordesa

Tomamos o camiño que sae da Pradera con dirección o fondo do val pero enseguida nos desviamos do sendeiro principal a man dereita, cruzando por unha ponte o río Arazas. Este desvío está sinalizado como Senda dos Cazadores.

Inicio da Senda dos Cazadores

O recorrido que faremos será ascender rapidamente por unha das empinadas ladeiras que franquean o val ata unha especie de terraza situada a media altura coñecida como Faja de Pelay, seguiremos esa terraza ata o fondo do val para regresar descendendo polo fondo do val seguindo o cauce do Río Arazas.

Non é recomendable facer o percorrido en sentido inverso (subir polo fondo do val e baixar pola Senda dos Cazadores) xa que este último tramo é moi perigoso en sentido descendente, especialmente con neve ou xeo.

Volvendo o tema, unha vez cruzada a ponte sobre o Río Arazas o sendeiro comeza a ascender , xa desde o principio, cun gran desnivel polo que esta subida hai que tomala con moita calma. Son case 700 m de desnivel que a nos nos levou aproximadamente 1:30 h. Afortunadamente faise case sempre baixo a sombra de abetos e faias na parte mais baixa e pinos negros o gañar altura polo que a calor non nos afecta en gran medida neste tramo.


Senda dos Cazadores
 
Ó finalizar o ascenso chegamos o espectacular mirador de Calcilarruego, cunha espectacular e aérea vista dobre a Pradera de Ordesa. De feito estamos uns 700 m xusto por enriba dela. Aquí facemos unha pequena parada, fotos de rigor e continuamos camiño pola Faja de Pelay, unha especie de escalón nas verticalis paredes do Val de Ordesa. O camiño agora xa non ten subidas duras, mais ben imos mantendo a cota e disfrutando dunhas vistas espectaculares de todo o val, co Circo de Cotatuero enfrente.

Circo de Cotatuero desde o mirador de Calcilarruego

Vista da Pradera de Ordesa desde o mirador de Calcilarruego

Paramos a comer nun pequeno prado a sombras duns abetos, e un pouco mais adiante nos cruzamos cun rebeco a poucos metros de distancia.

Rebeco (Rupicapra rupicapra)

A vistas continúan sendo impresionantes, segundo imos avanzando comezamos a observar as Tres Sosores (O impresionante macizo calcareo que alberga o Monte Perdido 3355 m, o Añisclo 3260 m e o Cilindro de Marboré 3328 m). Para os que gusten da botánica na faja de pelay dáse unha curiosidade, xa que aínda que todo o val de Ordesa é calizo aquí unha capa de arenisca silícea da orixe a uns solos ácidos e unha peculiar flora acidófila dentro do Parque, rododendros e arándanos son moi frecuentes en todo o percorrido.


Espectaculares cortados entre os que discurre a senda da Faja de Pelay

Circo de Soaso cas Tres Sosores o fondo

Xa no circo glaciar de Soaso o sendeiro que seguimos vai parar a pes da Cascada Cola de Caballo, un dos lugares mais emblemáticos do parque, dende aquí saen sendas que conducen cara o Refugio de Góriz, base para realizar excursións os altos cumios que nos rodean. A estas alturas levamos xa 6 horas de camiñata e tomámonos outro pequeno descanso antes de iniciar o camiño de regreso pola senda do fondo do val, moito mais concurrida.

Cola de Caballo
Durante o descenso nos toparemos coas Gradas de Soaso, unha das fotografías típicas do parque, unha serie de pequenas cascadas escalonadas entre pequenas pozas fan o paisaxe absolutamente impresionante.

Gradas de Soaso
Antes de chegar o final da baixada tamén cruzaremos un espectacular bosque de faias coñecido como Fabar de L´Estrecho e observaremos outras dúas bonitas cascadas (Cascada del Éstrecho y Cascada de la Cueva). Ollo nestas últimas porque pode resultar un tanto perigoso alonxarse da senda.

Fabar de L´Estrecho

Cascada del Estrecho
 Chegamos finalmente novamente á Pradera de Ordesa tras 9 horas de paseo, onde colleremos novamente o bus que nos baixa ata Torla.

3 comentarios:

Unknown dijo...

Acabas de poñerme os dentes moi longos, meu!! Ogallá non tarde moito (uns aniños soamente, mentres crece Martín) en facer esa ruta.

Noraboa pola estrea do blog. Espectacular!!

Ánimo!

Roberto Verde dijo...

Moitas gracias.

Recomendocha encarecidamente, nos fixemola hai dous anos e enganchamosnos. Agora temos que ir todolos anos polo menos unha semaniña á montaña.

Unknown dijo...

Esa obriga paréceme xenial. Ogallá pronto podamos facelo xuntos algunha vez.

Publicar un comentario