A illa de Pico é a segunda máis grande das Azores, despois de Sao Miguel e
nela atopase a montaña máis alta de todo Portugal, o volcán de Pico. Esta
inmensa mole de 2.351 m de altura ocupa practicamente todo o sector occidental
da illa e constitúe, se as nubes o permiten, unha marabillosa balcoada sobre o resto
das illas do grupo central.
|
Vista do volcán de Pico dende Madalena |
A maneira máis doada de chegar a Pico é collendo un voo dende
Lisboa ata Faial, cara o aeroporto internacional de Horta, e una vez
alí coller o ferry “Cruceiro do Canal” para chegar en pouco máis de 20 minutos a
Madalena, a principal poboación de Pico.
|
Ferry que une as tres illas do "Triangulo" (Pico, Faial e Sao Jorge) |
O barco de ferry tiña pouco, mais ben se trataba dun vello pesqueiro
reconvertido para o transporte de pasaxeiros. Sen embargo a viaxe é agradable,
sempre que o mar non estea moi picado, e permite ver gran cantidade de pardelas
cincentas ou cagarros (Calonectris
diomedea borealis) planeando sobre as ondas a escasa altura, sobre todo na
zona máis próxima os “Ilhoes da Madalena”, dous pequenos illotes deshabitados
situados a escasa distancia de Madalena onde aproveitan pra criar.
|
Pardelas cincentas sobre as ondas |
Na semana que pasamos nas Azores centrais unha cousa nos quedou clara, e é
que a cima de Pico soe estar cuberta de nubes, polo que o principal consello
que lle daría a xente que pretenda facer esta ascensión e que vaian pasar
varios días na illa, é que o primeiro día que amaneza despexado tiren para
arriba.
Dende Madalena á montaña collemos unha estrada perfectamente sinalizada. É
moi interesante ver a sucesión de distintas paisaxes a medida que imos gañando
altura. A estrada atravesa zonas de viñedos nos arredores de Madalena, grandes
extensións de prados con numerosas vacas pastando neles salpicados por pequenas
plantacións de criptomerias (Criptomeria japonica) e piñeiros (Pinus pinaster).
Curiosamente nestas ladeiras da illa de Pico é o único lugar das Azores na que
parece que prosperan os piñeiros, xa que nas outras a humidade é tan elevada que
acaban por morrer.
|
Pastos na base da montaña |
O continuar ascendendo atopamos grandes extensións nas que aínda se
conserva o bosque de laurisilva que
inicialmente debía cubrir gran parte da illa. Esta vexetación estaba dominada
por brezos (Erica azorica), aínda que aparecen o resto de especies habituais
nas laurisilvas macaronésicas. Unha das cousas que máis nos chamou a atención foi que as especies mais abundantes no sotobosque destas zonas de monte baixo eran os dous fentos mais
ameazados de Galicia (Culcita macrocarpa e Woodwardia radicans).
|
Culcita macrocarpa |
A ascensión ó cráter do Pico iniciase na Casa da Montanha, situada a uns 1.200 m de altura.
Neste punto é obrigatorio rexistrarse e pedir autorización para ascender, unha
vez realizado este trámite déronnos unas instrucións de seguridade, puxéronnos
un vídeo e informáronnos de que en caso de rescate teriamos que pagar 1.500
euros. Tiñamos entendido que neste punto facilitabante un GPS para realizar a
ascensión que permitía a túa localización en caso de perda na montaña, sen
embargo a nós non nolo deron (serán os recortes...).
|
Vista en google earth da ruta realizada |
A ascensión non é excesivamente complicada se tes un día claro, con
néboa pode complicarse a cousa. O camiño atópase
balizado por 44 postes de madeira. O
desnivel é moi importante polo que é necesario tomalo con calma e avanzar pouco a pouco desfrutando das paisaxes que se nos van abrindo a medida que gañamos altura.
|
Balizas que indican o camiño de subida |
|
Un dos moitos cráteres existentes en Pico, ó fondo a illa de Faial |
A medida que ascendemos a vexetación faise mais pequena e rara,
as especies da laurisilva van pouco a pouco desaparecendo ata que unicamente
quedan exemplares ananos de brezo e algúns pés illados de cedro do mato (Juniperus brevifolia). Respecto a fauna en toda a ascensión puidemos observar ás aves endémicas e emblemáticas das Azores: o merlo-preto (Turdus
merula azorensis), a lavandeira cascadeña ou alvéola-cinzenta (Motacilla cinerea patriciae) e o pimpín ou tentilhao-comum (Fringilia coelebs moreletti). Tamén avistamos numerosos canarios (Serinus canaria), paporrubio ou pisco-de-peito-ruivo (Erithacus rubecula) e papuxa capirotada ou toutinegra-de-barrete-preto (Sylvia atricapilla gularis).
|
Cedro do mato (Juniperus brevifolia) |
|
Vexetación enanizada xa preto da cima |
|
Merlo-preto (Turdus merula azorica) |
O tramo de ascensión balizado chega ata o borde do
cráter, este ten unha forma mais ou menos circular e aproximadamente 600 m de
diámetro, pero non constitúe o punto mais alto da montaña xa que nun dos seus
lados formouse un novo pico nunha erupción posterior (chamado “Piquinho”),
que se eleva aproximadamente 200 metros sobre a base do cráter, ata chegar os 2.351 m de altura.
|
Cráter do volcán de Pico |
|
O Piquinho |
Cando chegamos ó cráter, a cima estaba cuberta de nubes polo que decidimos
facer algo de tempo aproveitando para comer un bocata e pasear polo cráter. A paisaxe é totalmente lunar onde,
salvo algúns liques, non medra ningunha outra vexetación, de feito en pleno mes
de maio inda se conservaban algúns neveiros en zonas umbrías.
|
Paisaxe lunar no interior do cráter |
Tras aproximadamente media hora de espera o ceo abriuse e subimos o
Piquinho para chegar a cima Este tramo da ascensión é a parte mais complicada por non ter rumbo fixo, pola forte pendente, a exposición dalgúns
dos tramos e a pedra solta que se desliza baixo os nosos pés, o que nos obriga en moitos
casos a subir case a gatas.
Unha vez feito cima, a montaña premianos cunhas vistas espectaculares, se o día está claro pódese
contemplar tódalas illas do grupo central das Azores (no noso caso, non puidemos ver Terceira e Graciosa).
Observamos tamén os incontables pequenos cráteres que salpican toda a
superficie de Pico, a espectacular caldeira da illa de Faial e os impresionantes acantilados empedregados de Sao Jorge.
|
Vistas dende a cima |
Na cima do Piquinho atopamos outro pequeno cráter de poucos metros de diámetro polo que aínda
se observan fumarolas (dado que non cheiraba a xofre deducimos que serían de
vapor de auga), e notabase o calor do chan ó pisar.
|
Cráter do Piquinho |
O descenso faise sen maiores problemas polo mesmo camiño empregado para subir. En total, levounos 8 horas facer a ruta, incluíndo as paradas no cráter para comer e o tempo que estivemos na cima.
No hay comentarios:
Publicar un comentario